Sobre os novos termos de uso de mastodon.social
on Thursday, June 19, 2025Actualización: Mastodon.social pausou polo de agora os plans para aplicar estos novos termos de servicio:
Os que usamos a instancia de Mastodon mastodon.social (e supoño que tamén mastodon.online), administrada polos propios desenvolvedores de Mastodon, recibimos este correo hai dous días anunciando uns novos termos de servicio:

Correo enviado polos administradores de mastodon.social anunciando os novos termos de uso
Vou falar destes novos termos do servicio e das preocupacións sobre eles que se mencionaron en GitHub e Mastodon, tendo en conta que non son avogado e algunha cousa pode non ser totalmente exacta.
O propio aviso inclúe un resumo do que isto implica para que non teñas que ler todas as 2500 palabras dos novos termos de uso que son moi aburridos, verdade?
E o punto máis destacado é que se prohibe usar o contido da instancia para adestrar IAs xerativas. O anuncio foi recollido con ledicia pola comunidade, tendo en conta o coñecido sesgo de boa parte do fediverso en contra das IAs xerativas: «Mastodon unha vez máis fai as cousas ben e mentres outras redes sociais venden o contido dos seus usuarios para adestrar LLMs, Mastodon prohíbeo» foi a reacción xeralizada.
Ben, quizais deberiamos ter ido máis alá do resumo inicial no anuncio e ler os termos completos, e non resultará todo tan bonito.
Arbitraxe vinculante
Como destacou Cory Doctorow, os novos termos do servicio establecen unha arbitraxe obrigatoria e vinculante para resolver litixios. Isto significa, basicamente, a privatización da xusticia designando unha entidade privada para resolver calquera disputa que poida xurdir e que poida ter consecuencias legais negándoche o dereito a poder acudir ós tribunais.
¿Pero por que ía necesitar acudir ós tribunais ante mastodon.social? É un proxecto de software libre, administrado sen ánimo de lucro, etc.
Software libre non significa intrinsecamente libre de todo mal igual que a administración de mastodon.social tampouco está libre de poder nalgún momento do futuro levar a cabo malas accións. Tampouco sería a primeira vez que unha instancia de Mastodon cambia de donos e remata en mans dun dono con intencións non tan boas.
As cláusulas de arbitraxe poden ser un mecanismo para protexerse de demandas frívolas («vou poñerlle unha denuncia a esta instancia porque me moderaron un post»), tendo en conta ademais que Mastodon é un proxecto de software libre sen ánimo de lucro e con recursos legais limitados. Pero a arbitraxe vinculante ten graves consecuencias de conculcación de dereitos dos usuarios e consumidores. O exemplo máis grave visto recentemente foi o dunha muller que morreu en Disney World despois de recibir información errónea sobre os alérxenos na súa comida e ó seu viúvo foille negado o dereito a acudir ós tribunais debido a que era usuario de Disney+ e os seus termos de servicio inclúen unha cláusula de arbitraxe (Disney posteriormente se retractou tras a presión mediática).
Licenciaa perpetua e irrevogable
Outro punto destacado no aviso sobre os novos termos de servicio é que os usuarios de mastodon.social estaremos outorgando unha «licencia limitada, non exclusiva, irrevogable, transferible, libre de regalías e perpetua para usar, copiar, almacenar, amosar, compartir, distribuír, comunicar e transferir» o contido que subas á instancia.
Isto, de seu, xa adoita xerar alarma en xente que non entende completamente como funciona a propiedade intelectual, e cando descobren algunha cláusula similar en calquera rede social, sobre todo os creadores de contido como ilustradores, exclaman que «queren quedar cos dereitos de autor de todo o que subo».
Esa forma de entender estas cláusulas é incorrecta. Como os propios termos de uso indican e o aviso menciona, «retés todos os dereitos de propiedade do contido que envíes á instancia». Simplemente, concédeslles ós donos da instancia os permisos necesarios para levar a cabo a finalidade esperada co contido que compartes e poder almacenalo na instancia, distribuílo e amosarllo ó resto dos usuarios. Sen unha cláusula así, o contido que subes á instancia estaría nunha área gris na que implicitamente outorgas algún permiso ós administradores da instancia para aloxar o teu contido, pero sen aclarar exactamente que se inclúe nese permiso.
Ata aí máis ou menos o normal, pero o que levantou toda esta onda de escrutinio ós novos termos de servicio de mastodon.social foi unha incidencia aberta en GitHub indicando a irrevogabilidade desa licencia de uso dos nosos contidos.
Isto significa que non importa se eliminamos a nosa conta da instancia. Se, por exemplo, a instancia cambia de donos a outros nos que non confiamos (porque lembremos que a licencia de uso do noso contido que concedemos é transferible). Ou, por calquera outro motivo que sexa, non queremos ter xa máis ningunha relación coa instancia. En teoría, non habería nada que lles impedise seguir facendo uso da licencia outorgada para poder facer uso do contido que subimos. Porque é unha licencia perpetua e irrevogable.
Segundo se indica na propia incidencia de GitHub, outras redes sociais consideradas habitualmente máis restritivas e hostís cara ós dereitos dos usuarios son moito máis respectuosas neste tema.
Sen ir máis lonxe, unha rede social cunha reputación tan mala na defensa dos dereitos dos usuarios como Facebook menciona nos seus termos de uso que a licencia de uso dos contidos dos usuarios revógase despois de que o usuario borre a súa conta:
Esta licencia finalizará cando o teu contido sexa eliminado dos nosos sistemas.
Os termos de uso de Facebook conteñen, ademais, unha sección enteira explicando como ese contido é eliminado.
Conflitos regulatorios
A cláusula de arbitraxe, ademais, é probablemente inválida en moitas lexislacións.
A maioría dos países europeos poñen fortes restricións no uso de cláusulas de arbitraxe. No caso, ademais, de Alemaña, onde os servidores de mastodon.social están aloxados e a organización está legalmente constituída, as cláusulas de arbitraxe teñen que ser asinadas explicitamente por ambas partes nun contrato separado que non inclúa ningún outro acordo que non sexa a arbitraxe.
Isto foi claramente incumprido por mastodon.social, xa que ninguén asinou nada para aceptar ese acordo de arbitraxe (e que, aínda asinándoo, podería ser ilegal na maioría das lexislacións europeas) e no seu lugar enviouse un correo a todos os usuarios dicindo «se segues usando o servicio, significa que aceptas os novos termos». Isto, en si mesmo, é problemático. ¿Cantas veces vistes servicios que vos piden que volvedes aceptar os termos de uso despois de cambialos para poder seguir usando o servicio? Isto é porque unha aceptación implícita de «se segues usando o servicio, é porque aceptas os termos» moitas veces non é suficiente.
Así que, os novos termos de uso (ou polo menos algunhas partes deles) parecen difícilmente aplicables polo menos en Europa. Iso non significa que a partir de confirmada a nulidade deses termos (que alguén que non sexa eu terá que facer), xa non deberían preocuparme. Preocúpame porque aínda que a min poidan non afectarme, non son alleo a que lle afecten a outros e non estou de acordo cuns termos de uso que son máis restritivos e conculcan certos dereitos para os cidadáns de algunhas zonas, aínda que eu non estea nesas zonas. E porque, ademais, o feito de que intentasen aplicar estes termos de uso indica a dirección que a administración da instancia quixo tomar, aínda que poidan ter fallado en aplicar eses plans.
Falta de comunicación
Unha das defensas que esgrimiu Gargron (como é máis coñecido o autor de Mastodon Eugen Rochko) ante estes problemas é que o borrador dos novos termos de uso estivo circulando desde hai arredor dun ano e ata agora non se plantexaran estas obxeccións.
En primeiro lugar, o momento no que se plantexen estas obxeccións non está relacionado coa súa validez. ¿Hai motivos para a preocupación sobre as cláusulas de arbitraxe, a irrevogabilidade da licencia de uso de contido dos usuarios e os conflitos regulatorios? ¿Son menos válidos eses motivos de preocupación por mencionarlos agora e non noutro momento do pasado?
Pero ademais, como outros usuarios mencionaron, onde «o borrador estivo circulando desde hai arredor dun ano» é no repositorio de código de Mastodon. É dicir, que só verías ese borrador se estiveses activamente involucrado no desenvolvemento de Mastodon.
O resto dos usuarios enterámonos hai dous días cando recibimos o aviso por correo de que os novos termos de uso entrarían en vigor dentro de dúas semanas. Isto limita a transparencia e o debate previo. Non podiamos presentar obxeccións ante cambios dos que non estabamos informados.
¿Novos termos de uso para todas as instancias?
Segundo se menciona no incidente aberto en GitHub, estes termos de uso inclúense na plantilla ó despregar novas instancias, o que significa que estes serían os termos de uso por defecto para todas as instancias que non os modifiquen, sometendo a todos os usuarios desas outras instancias a cláusulas de arbitraxe e licencias de propiedade intelectual permanentes e irrevogables (e ós administradores desas instancias a posibles conflitos regulatorios).
Son uns termos de uso problemáticos para mastodon.social, pero son aínda máis problemáticos para facelos os termos de uso por defecto para todas as instancias.
¿Era un globo sonda?
Outra defensa de Gargron foi que traballan con avogados externos pro bono que realmente non entenden o funcionamento do servicio de rede social federada que están intentando regular e os membros da organización de Mastodon (maiormente enxeñeiros e outros perfís tecnolóxicos similares e non avogados) teñen que intentar explicarlles o que non entenden sobre o funcionamento do servicio.
Entendo que se está intentando dar a entender, deixándoo implícito, que pode que houbese lagoas na comunicación que levasen ós avogados a non entender correctamente algúns conceptos da tecnoloxía que están intentando regular e o equipo de Mastodon aceptando algunhas condicións legais que non eran as máis axeitadas.
Aínda así, non é exactamente sobre conceptos tecnolóxicos que poderían xustificarse polo descoñecemento dos avogados sobre o que máis obxeccións se teñen plantexado. A licencia de uso perpetua e irrevogable, a cláusula de arbitraxe difícilmente aplicable en Alemaña onde a instancia de Mastodon está aloxada e legalmente constituída e os demais conflitos regulatorios non son algo que se explique polo descoñecemento do funcionamento das redes sociais federadas. No seu lugar, parecen uns termos de servicio xenéricos orientados ó sector estadounidense. É destacable que sendo para unha entidade alemá, inclúa cláusulas potencialmente inválidas en Alemaña e sen embargo inclúa mencións á DMCA estadounidense pero non ás regulacións europeas como a GDPR ou a DSA.
Todo isto dá a impresión de que en realidade era un experimento. Algo que están probando e que eran conscientes de que ó mellor aínda non era a mellor opción, pero que xa se iría pulindo. Pero trátase dos termos de uso dun servizo que queres que sexan legalmente vinculantes. Non parece que sexa a mellor área para experimentar con algo que non sabes moi ben como funciona.