A televisión pública non é só para as elites

Posted on Tuesday, May 6, 2025 in Debate, Television, Politica

A televisión pública non é só para as elites

Tras tres intentos fallidos, onte estreouse por fin La familia de la tele, o novo programa da 1 de TVE presentado por Belén Esteban e María Patiño, creo. Non estou seguro realmente porque non o vin, pero a xulgar pola promoción que fixeron, parecía que serían elas dúas as que estarían á fronte. Ou quizais é simplemente que elas levaron a promoción porque son os rostros máis coñecidos ou populares, non o sei.

Non o vin non por nada, simplemente creo que non son o público obxectivo dese programa. Ou de case ningún, en realidade. Nin sequera me enterei da súa estrea ata que o vin comentado a posteriori nas redes sociais. Vexo bastante pouca televisión. Téñoa case sempre acendida como ruído de fondo. Pero sentarme a ver un programa de televisión, case nunca. Estou bastante desconectado realmente do que pasa na televisión.

Pero non teño ningún problema a priori con que existan programas que non están dirixidos a min e que, polo tanto, non vexo. Terán o seu público obxectivo que os gozará e iso está ben, sempre que non sexan programas que teñan un efecto daniño, claro, que tamén os hai. Este podería ser un deles ou non, non o sei porque, como xa mencionei, non o vin.

Aínda así, vou falar da estrea de onte de La familia de la tele. Sen telo visto. Porque en realidade vou falar do artigo de opinión de Jimina Sabadú en El País comentando a estrea. E para comentar a maioría dos argumentos que usa Jimina Sabadú para falar do programa, creo que realmente non fai falla ver o programa. Boa parte do propio artigo de Sabadú tamén parece que podería terse escrito sen ver o programa.

Realmente, sobre os contidos do programa, Sabadú fala bastante pouco. Se a súa crítica fose sobre os contidos que se viron no programa, realmente eu tería pouco que dicir. Non vin o programa. Podería velo para opinar, pero realmente non creo que me interese.

Unha crítica de Sabadú que quizais podería ser válida mesmo sen ver o programa está relacionada co pasado da maioría dos seus colaboradores en Sálvame, que, segundo palabras de Sabadú, «viviu de remover a merda allea» e «humillaron, expuxeron, maltrataron e afundiron a moita xente». Supoño que os precedentes do traballo realizado noutros programas podería ser unha crítica válida á fichaxe por parte da televisión pública. Aínda que, ata certo punto, creo que tamén poderían ser prexuícios para opinar sobre o programa antes de velo. Non sería imposible que os seus participantes cambiasen de rexistro e agora fixesen un programa distinto.

Pero tampouco vin nunca Sálvame, así que tampouco podería dicir realmente se era tan terrible. Lin a moitos famosos dicir que si, que se sentiron maltratados ou mesmo vexados en Sálvame. Tamén lin a moitos dicir que quen aparece en Sálvame é porque acepta entrar nese xogo e que non se metían cos que decidían quedar á marxe dese mundo. Eu, como dixen, nunca vin Sálvame, e todo o mundo da crónica social resúltame moi distante, así que non podo opinar. Pero, a estas alturas, tamén sabemos que do que se ve na tele, hai que crer bastante pouco. ¿Ata que punto había máis verdade nun programa de Sálvame que nun combate de loita libre da WWE? Chamádeme cínico, pero que o que sae na tele «é todo mentira» díxomo mesmo xente que traballa no negocio.

A crítica de Sabadú, así e todo, vai por outros vieiros. Uns vieiros tales que me fixeron ter que comprobar mentres lía que realmente non estivese lendo El País senón La Razón.

Xa a entradiña do artigo dános unha pista de por onde van ir os tiros mencionando o programa como «a tumba da meritocracia» e cualificándoo máis adiante como «plató de frivolidades» «a maior gloria da incultura e do analfabetismo funcional».

En definitiva, dá a impresión de que a Sabadú lle parece que o programa e as persoas que participan nel non son o suficientemente eruditas para aparecer na televisión pública.

Menciona Sabadú o impropio que lle parece dunha televisión de servicio público que aparezan «persoas que len silabando» ou «que teñen que buscar palabras básicas no dicionario». Non vin eses momentos do programa que menciona para saber exactamente como se desenvolveron, pero contando só coa narración dos feitos realizada por Sabadú, só podo sentir ledicia de que na televisión pública saian persoas que, talvez sen ter a maior fluidez lendo, son aínda así capaces de facelo sen complexos e mostrando que, se non estamos seguros do significado dunha palabra, podemos acudir ó dicionario. A min iso si que me parece propio dun servicio público e lamento que haxa xente que pense que hai que agochar o uso dos dicionarios e ás persoas que teñan menos fluidez na lectura.

É coherente Sabadú, así e todo, ao mencionar ata tres veces que o programa supón o «enterro da meritocracia». Se realmente lle parece tan necesario mostrar unha alta erudición para poder aparecer na televisión pública, é efectivamente coherente que defenda que teña que ser un sistema puramente meritocrático.

Así e todo, non comparto o seu lamento pola morte da meritocracia. Non parece que a erudición que defende lle permitise decatarse das advertencias sobre as trampas da meritocracia (ou quizais as coñece, pero non lle importan) mencionadas xa por Max Weber hai máis dun século.

A priori, parece que a idea de meritocracia de que os que acumulen máis méritos persoais sexan os que consigan os mellores postos ten sentido. Non obstante, é unha idea obsoleta nas democracias liberais e unha pendente esvaradía que levou rapidamente a unha forma fácil de xustificar ideas antidemocráticas: que os que teñan máis méritos acaparen máis poder e sexan os que tomen as decisións; como defenden os que sitúan o sistema político chinés en base á meritocracia por enriba das democracias liberais occidentais.

Como mencionaba, as trampas da meritocracia foron explicadas xa por Max Weber hai máis dun século e moitos outros sociólogos, economistas e filósofos despois, e non creo que eu poida facelo mellor ca eles. A min gústame esta explicación de Jerome Karabel (as grosas son miñas):

Transformar o privilexio hereditario en «mérito» [...] proporciona a aparencia, se non a esencia, de igualdade de oportunidades. Ao facelo, lexitímase a orde establecida como unha que premia a capacidade por riba das prerrogativas de nacemento. O problema cunha «meritocracia», entón, non é só que os seus ideais se violan rutineiramente (aínda que iso é certo), senón tamén que enmascara as relacións de poder subxacentes. Porque a definición de «mérito» [...] sempre leva a impronta da distribución do poder na sociedade en xeral. Quen son capaces de definir o «mérito» case invariablemente posuirán máis del, e quen teñen maiores recursos —culturais, económicos e sociais— xeralmente poderán asegurar que o sistema educativo considere aos seus fillos máis meritorios.
Jerome Karabel, The Chosen: The Hidden History of Admission and Exclusion at Harvard, Yale, and Princeton (Houghton Mifflin: 2005), pp. 549-550

Pero non fagamos disto un ensaio sobre a meritocracia, a pesar de que Sabadú quixese facer desta idea obsoleta e regresiva un dos puntos máis destacados do seu artigo de opinión.

Sabadú menciona tamén o seu malestar porque no programa houbo demasiadas mencións á «diversidade, inclusión, solidariedade e servicio público». E é aquí cando tiven que parar para comprobar que realmente non estaba lendo The Objective ou algún outro neopasquín dixital reaccionario. Porque un pode estar confundido coa meritocracia. Como dicía, a priori, se non o pensas moito, a meritocracia pode soar como o sistema máis xusto. ¿Pero realmente El País, outrora xornal de referencia da esquerda española, subiu ó carro de «estamos indo demasiado lonxe coa diversidade e a inclusión»?

Tamén lle molesta a Sabadú que saian e teñan opinión propia Samantha Hudson (á que cualifica como opositora a opinadora) e Bob Pop («porque non pode faltar en ningún programa a opinión de Bob Pop sobre o que sexa»). Só poderiamos especular sobre o motivo, porque realmente nunca explica por que lle molesta que aparezan no programa e teñan opinión propia estas dúas persoas entre todos os colaboradores. Moléstanlle e xa está. Supoño que para ter opinións tamén son necesarios méritos.

Hai outras críticas de Sabadú ó programa que poderían ser lexítimas pero que non podo valorar ao non telo visto. Pero non fai falla ver o programa para decatarse de que o ton xeral de toda a súa peza de opinión é o dunha crítica esnobe ao nivel cultural dos participantes no programa que non lle parece suficiente para ter cabida nunha televisión de servicio público. Pero non podemos dicir que a televisión pública ten que ser a televisión de todos se tamén demandamos que os seus programas sexan só para as elites.

Entendo que ser crítico de televisión é difícil. A maioría vemos a televisión como entretemento e sen grandes expectativas e debe ser difícil ter que buscar os argumentos que fagan que non che guste o que estás a ver (porque o crítico adoita ser máis interesante cando fai críticas negativas, obviamente) en vez de poder entregarte ó hedonismo televisivo como facemos os demais a miúdo cando queremos desconectar un intre.

Aínda así, Sabadú déixanos unha lista dos programas que si aproba para a súa aparición na televisión pública: La clave, La huella del crimen, Estudio 1, Un, dos, tres, Informe Semanal, Rockopop e Historias para no dormir. Supoño que son programas nos que os seus colaboradores saben boa parte do dicionario.

Como non coñezo a obra de Jimina Sabadú (realmente, nin sequera sei quen é), descoñezo (aínda que o busquei sen atopalo) se na súa cruzada por dignificar a televisión pública tamén arremeteu contra o programa máis desprezable que coñezo da televisión pública española: MasterChef Junior.