Programando publicacións de Mastodon sen ferramentas externas
on Saturday, December 13, 2025Actualmente, só é posible programar unha publicación en Mastodon para que se publique nun momento determinado usando ferramentas de terceiros como Buffer ou Tusky.
Buffer é un servicio que permite programar publicacións en distintas redes sociais (Mastodon, Bluesky, X, Instagram…) que se gardan nos servidores de Buffer ata que chegue a hora de publicalas, momento no que se envían ás redes sociais para as que foron programadas.
O funcionamento para programar publicacións con aplicacións como Tusky, dedicadas a Mastodon, é algo distinto. Xeralmente, non existen servidores de Tusky nin doutras aplicacións, senón que todos os datos que xestiona a aplicación gardanse localmente no dispositivo no que están instaladas (o teu móbil). Pero aínda que o dispositivo estea apagado, as publicacións programadas publícanse igual. ¿Que bruxaría está a ocorrer aquí?
O que ocorre é que Mastodon ten soporte para programar publicacións desde 2019. Así que cando se programa unha publicación desde Tusky ou algunha aplicación similar, a aplicación envía a publicación inmediatamente ao servidor de Mastodon e o seu traballo remata aí. Despois é o servidor de Mastodon o que garda a publicación programada e encárgase de publicala cando chegue o seu momento.
Non obstante, aínda que fai case sete anos que a API de Mastodon permite programar publicacións, esta funcionalidade aínda non se implementou na web nin nas aplicacións móbiles oficiais. Por iso, cando aplicacións como Tusky amosan a función de poder programar publicacións, parece unha característica adicional desa aplicación. Pero non, é unha función soportada nativamente por Mastodon, aínda que non implementada nas súas aplicacións oficiais.
Vamos ver, pois, como podemos usar esta API de Mastodon para programar publicacións facilmente sen usar ferramentas externas. ¿E por que íamos querer facelo así cando hai ferramentas de terceiros dispoñibles? No meu caso, porque non uso Mastodon o suficiente como para necesitar ferramentas adicionais, porque non coñezco ferramentas que permitan facelo desde o portátil (sen ter que abrir unha conta noutro servicio máis como Buffer) e porque xa teño demasiadas aplicacións no móbil como para instalar unha máis.
Para facelo, o primeiro que necesitamos é a información de autenticación coa nosa instancia de Mastodon, o bearer.
A forma máis sinxela de obter o bearer é a seguinte:
- Abrir as ferramentas de desenvolvemento do navegador (normalmente, premendo F12).
- Visitar algunha páxina da nosa instancia de Mastodon que requira chamadas á API mentres estamos autenticados. Por exemplo, a cronoloxía principal.
- Cambiar á lapela de Rede nas ferramentas de desenvolvemento.
- No listado de peticións de rede, usar o cadro de texto de filtrado para mostrar só as que sexan peticións á API (é dicir, as que conteñan
/api/como parte da URL). - Seleccionar unha das peticións á API do listado e, na lapela de Cabeceiras, buscar as cabeceiras da petición.
- Buscar a cabeceira
Authorizatione copiar o seu valor.

Ferramentas de desenvolvemento do navegador mostrando a lapela de rede coa lista de peticións filtrada para mostrar só as que conteñen /api/ na dirección y seleccionando unha delas para mostrar as cabeceiras de solicitude.
Como podemos ver, o valor da cabeceira Authorization comeza coa palabra Bearer, e esa é a información de autenticación necesaria para poder programar unha publicación facilmente.
E iso é todo o que necesitamos para poder programar publicacións de Mastodon manualmente.
Así, con esa información de autenticación, podemos:
- Programar novas publicacións enviando unha petición
POSTa/api/v1/statuses. - Obter a lista de publicacións pendentes de ser publicadas enviando unha petición
GETa/api/v1/scheduled_statuses. - Borrar unha publicación programada enviando unha petición
DELETEa/api/v1/scheduled_statuses/<id>.
E máis accións que se poden ver na documentación da API de Mastodon sobre publicacións programadas.
Por exemplo, se a nosa instancia de Mastodon é mastodon.social e o noso bearer é LoXgf4hiWnxMLsBuJidg2I0yZXKKgYBf0FFRSFgWjo0, poderíamos programar unha publicación co texto “Feliz 2026” para o 1 de xaneiro de 2026 ás 0:00 GMT con curl da seguinte maneira:
curl -X POST -H "Authorization: Bearer LoXgf4hiWnxMLsBuJidg2I0yZXKKgYBf0FFRSFgWjo0" -d "status=Feliz 2026&visibility=public&language=gl&scheduled_at=2026-01-01T00:00:00Z" https://mastodon.social/api/v1/statuses
Neste caso, ademais, estamos establecendo explicitamente a visibilidade da publicación como pública e o idioma como galego, sobrescribindo calquera outra preferencia que teñamos para estes valores por defecto.
A lista de parámetros que se poden usar ao crear unha nova publicación, como aviso de contido, citar ou responder a outras publicacións, etc., está dispoñible na documentación.
Logo poderíamos obter a lista de publicacións programadas con:
curl -X GET -H "Authorization: Bearer LoXgf4hiWnxMLsBuJidg2I0yZXKKgYBf0FFRSFgWjo0" https://mastodon.social/api/v1/scheduled_statuses
Onde veriamos a publicación que acabamos de crear e poderiamos eliminala ou editala usando as APIs correspondentes.
Lembra que tes que cambiar mastodon.social nos exemplos co nome do servidor da túa instancia. E, obviamente, o bearer tamén.